Pedalada e concentración ante a cimeira de Transportes da UE na Coruña

Na tarde deste venres día 12 de febreiro ten lugar en A Coruña, dentro da serie de reunións encadradas na Presidencia española da Unión Europea, unha cimeira dos ministros de transportes da Unión.

Durante pouco máis de tres horas celebran un consello coa "sustentabilidade do transporte urbano" como tema central, cousa que non podemos cualificar máis que como propaganda cínica cando se trata da palabra dos responsables das políticas máis atroces na materia. Logo de máis dunha década bombardeándonos con mensaxes ao respecto, a realidade que se agocha baixo esta sorte de ecoloxismo corporativo é a implementación dun tráfico hiperviolento, a nivel medioambiental e social, que condiciona prácticamente o total do espacio público das nosas cidades, nas que a media do espazo reservado para a circulación e o estacionamento dos coches privados se atopa entre o 20 e o 30%, chegando a un 40% nas urbanizacións de máis recente construcción.

As axudas astronómicas ás grandes empresas do automóbil (que no estado español ascenden a máis de 3.150 millóns de euros no período 2009/2010 só en axudas directas -sen contar as indirectas nin obscenidades como as adquisicións no "mercado de carbono"), non asociables a mellora algunha no eido laboral, e o conxunto de políticas do "todo para o coche" teñen o seu correlato na xeralizada marxinación dos itinerarios do transporte colectivo, peonil, ciclista e todo aquel que non tenda a separarnos unhas das outras e a todas da terra.

A máis, isto dase nun contexto de metropolización europea consistente nunha reordenación xeoeconómicamente xerárquica do territorio, fundamentada en políticas de transportes/mobilidade que procuran a "rápida circulación de persoas e mercadorías" entre os núcleos urbanos capitalísticamente privilexiados. A construcción da rede ferroviaria europea de alta velocidade, un dos eixos fundamentais deste dominio, suporá un incremento brutal das desigualdades sociais mediante a elitización da mobilidade, manifesta nas súas tarifas, e o incremento dos niveis de sometemento i explotación das areas rurais, que no caso galego se tornan extremos mediante un gran desmantelamento da rede de cercanías.

CONCENTRACIÓN ás 18:30h do venres nas proximidades do PALEXCO (ao carón da Autoridade Portuaria). PEDALADA desde as 15:30 ata a hora da concentración*.

*Ás 15:30h quedamos no Obelisco para decorar as bicicletas. Sairemos un pouco máis tarde nun percorrido circular entre a Porta Real e a Praza de Ourense (o mesmo que nas 12 horas en bici).

0 comentarios:

top